Despois da xornada do sábado onde se disputou a Copa de Clubs Absoluta, na mañá do domingo tiña lugar no mesmo escenario (Expourense) a mesma competición, pero en categoría máster. O noso club participaba (igual que o día anterior) tanto en categoría masculina como feminina (sendo o único club galego en ter representación en ambos campionatos en ambas categorías) e foron as féminas as que conqueriron un mellor resultado finalizando na 4º posición, mentres que os rapaces finalizaron nun meritorio 7º posto.
O equipo feminino colleitou unha gran actuación acadando un 4º posto final (27 puntos), a escasos 3 puntos das compañeiras do Atlética A Silva, que ocuparon o último posto que daba acceso ao podio. As dúas primeiras prazas corresponderon ao Atletismo Samertolameu (57) e Club Atletismo Sada (53). No plano individual, aportaron máis puntos á puntuación final o segunto posto de Eva Castro nos 60 metros valados e os terceiros postos de Rebeca Soto en 400 metros e Eva Castro no salto de altura.
O equipo masculino rematou a competición en 7º posto con 52 puntos, non demasiado lonxe do podio que ocuparon Club Atletismo Santiago (79), Marineda Atlético (71) e Atletismo Samertolameu (65). No aspecto individual destacar os terceiros postos de Pepín Rioseco nos 800 metros, Roberto Tuimil nos 60 metros valados e Carlos Ferrer no salto con pértega.