O Concello de Narón e o Club Atletismo Narón colaboran na terceira edición das “Olimpíadas Confurco 2019” organizadas pola Asociación Ferrolterra de Drogodependencia (Asfedro) co obxectivo de promocionar o deporte como recurso para recuperar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida.
Os edís de Deportes e Sanidade, José Oreona e Santiago Galego, respectivamente, presentaron hoxe a convocatoria xunto con Sari Alabau, presidenta de Asfedro, Rebeca Graña, educadora social da entidade, Juan Oruezabala, da xunta directiva de Asfedro, e Roberto Tuimil, secretario do Club Atletismo Narón. Un total de catorce persoas, das dezasete que están no centro de Asfedro, participarán nestas Olimpíadas Confurco 2019, que se inauguran mañá cunha competición de voleibol nas instalacións da citada entidade que dará comezo ás 10.00 horas.
O concelleiro de Deportes naronés explicou que nestas olimpíadas se abordarán, a maiores do voleibol, modalidades deportivas como o atletismo, o fútbol sala e o baloncesto. No caso de Narón, o vindeiro xoves, día 29, terá lugar a competición de atletismo, con salto de lonxitude, lanzamento de peso e carreiras de 100 metros, 1.500 metros e relevos. As probas darán comezo ás 10.00 horas no Estadio Municipal de Río Seco, tal e como avanzou Oreona.
Esta convocatoria deportiva continuará o venres día 30 cunha competición de fútbol sala e o martes 3 de setembro coa correspondente a baloncesto 3×3, tamén, ambas citas a partir das 10.00 horas nas instalacións de Asfedro. A clausura da convocatoria terá lugar, tal e como apuntou Rebeca Graña, o mércores día 4 cunhas Olimpíadas culturais, no transcurso das que se entregarán diplomas e medallas aos participantes neste evento.
Vía www.naron.es