Non se nos ocorrían mellores imaxes para ilustrar esta nova que as dos dous ascensos do equipo masculino nos anos 2011 en Huesca e 2017 en Salamanca, dous grandes fitos na historia do club.
Sabemos que as circunstancias nas que se da este ascenso son moi diferentes a estas anteriores, xa que nesas si que puidemos desfrutar na pista do éxito acadado.
Debido á renuncia de praza do CD Surco Lucena na Primeira División Nacional 2024, e grazas á terceira praza obtida polo club na pasada Fase de Ascenso a Primeira División 2023, a RFEF ven de confirmarnos que dita praza nos corresponde por clasificación por puntos obtidos nesa última xornada da Liga 2023. O Club Atletismo Narón (3º clasificado en Segunda División) supera nesa clasificación ao Universidad León Sprint At (4º clasificado en Segunda División), Super Amara BAT e CA Gandía-Alpesa (ambos descendidos de Primeira División).
Dende o Club Atletismo Narón tomamos esta nova con responsabilidade e como unha oportunidade de darlle un maior impulso si cabe ao atletismo na comarca e no Estadio de Río Seco en particular. Estamos moi contentos co traballo de canteira e formativo que se ven facendo a diario nas pistas, e cremos que é unha oportunidade para que esos rapaces e rapazas de categorías inferiores teñan un equipo absoluto en categoría nacional (tamén o feminino) ao que chegar para poder dar continuidade aos éxitos colleitados polos equipos de formación nos Campionatos Autonómicos e Nacionais dos últimos anos.
Cremos firmemente que é unha nova moi importante para o atletismo galego, pero sobre todo para o atletismo comarcal. Os últimos anos non foron os mellores e cremos que a nivel de instalacións debemos de dar un paso máis adiante para poder acoller competicións deste nivel.
Esperamos ter todo o apoio de todos os estamentos sociais da comarca para que este ascenso non sexa flor dun día e se poida alongar no tempo, cun equipo cunha base sólida da comarca de Ferrolterra.
AUPA NARÓN!!