Os pasados 29 de febreiro e 1 de marzo celebrouse en Ourense o Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta. Éxito competitivo do evento cos máis grandes atletas do panorama nacional e grandes dúas xornadas de atletismo que puidemos desfrutar por primeira vez na nosa comunidade. O noso club estivo representado na pista por dous atletas (Pablo Bocelo e Nerea Muñoz) e tamén por unha adestradora (Nediam Vargas) que representou ao seu club o Atletismo Playas.
Pablo Bocelo finalizou na 6ª posición na súa semifinal dos 1.500 metros lisos, nunha proba de gran nivel que rematou con Jesús Gómez, Ignacio Fontes e Saúl Ordoñez no podio. Pablo fixo unha boa marca de 3:57.93 na súa primeira participación nun campionato nacional absoluto, seguro que virán máis no futuro.
Nerea Muñoz rematou na 11ª posición na final de salto de lonxitude, proba na que a galega Leticia Gil conqueriu a medalla de bronce, acompañando no podio a Fatima Diame e Laila Lacuei, ouro e prata respectivamente. Nerea fixo unha marca de 5,47 metros, quedandose a 20 centímetros da súa mellor marca da tempada. Gran actuación de Nerea que volve con forza nas competicións nacionais.
Nediam Vargas tivo unha gran actuación cunha meritorio 8º posto na final de Pentathlon, nunha combinada de gran nivel con María Vicente (actual campiona mundial Sub 18 e europea Sub 20 na combinada ao aire libre e recordwoman nacional absoluta da proba), Claudia Conte e Patricia Ortega. A marca de Nediam foi de 3.961 puntos o que supuxo unha mellor marca persoal e Record Nacional de Venezuela. Noraboa.
No aspecto autonómico moi bos resultados dos atletas da nosa comunidade, coas medallas de ouro de Jean Marie Okutu e Ana Peleteiro, as pratas de Adrián Ben, Belén Toimil e Saleta Fernández e o bronce de Leticia Gil. Grandes actuacións tamén de atletas que coñecemos ben en Narón e que estiveron ligados a nós de unha ou outra forma (ademáis de Belén Toimil e Adrián Ben) coma David de la Fuente, Mauro Triana, Javi García “Chichu”, Miguel Pérez, Sergio Rodríguez e Elian López. Noraboa a todos eles.
Multitud de atletas do club se deron cita entre o público dende os máis pequenos aos máis veteranos para disfrutar deste gran evento e poder ver en vivo aos seus ídolos e poder sacarse fotos con eles. Un recordo imborrable para todos.