A web do Atletismo Naron utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí
Política de cookies

Obxectivo conseguido! Os homes, ao octogonal de 2ª División

A falta de remata-lo prazo para posíbeis reclamacións, o noso equipo masculino conseguíu un dos seus obxectivos deste ano ao clasificarse entre os 8 primeiros equipos de Segunda División Nacional, o que os levaría a participar no Octogonal de Ascenso a 1ª División un ano despois do seu descenso de categoría.

A Real Federación Española de Atletismo publicou onte á noite a circular cos estadillos dos clubs interesados en participar en dito encontro, e a pesar de non poder sumar tódolos puntos que lles gustaría o pasado fin de semana (supresión da competición de Lugo, erros de videofinish e algunha lesión no quentamento da propia competición), os nosos rapaces aparecen clasificados nunha fantástica 5ª posición (13.158 puntos, a tan só 3 puntos dos cuartos), nun ano en que até 31 equipos conseguiron a puntuación mínima da categoría. Cómpre destacar que hai menos de 900 puntos de diferenza entre o primeiro e o oitavo clasificado, o que da unha idea do apaixonante que será o encontro.

A Final terá lugar o vindeiro domingo 11 de Xuño en xornada de mañá, con sede todavía por decidir: Se non hai cambios nos oito equipos clasificados (o prazo de reclamacións remata este xoves ás 20h), no apartado masculino haberá tres equipos galegos (CA Narón, Lucus Caixa Rural Galega e CA Santiago), dous valencianos (Valencia Esports e Camisetas Económicas Elda), dous andaluces (CD Surco Aventura e Rincón Fertilidad Vélez) e un cántabro (CA Torrelavega), polo que o encontro, en caso de ser na sede de calquera dos oito clubs, suporá unha viaxe longa e complicada para a metade dos participantes. Outra posíbel opción é que a RFEA propoña unha final conxunta masculina e feminina, de modo que poida celebrarse no centro da península (Madrid) e que tódolos equipos cheguen ao encontro coas mesmas oportunidades.

Dende aquí gustaríanos felicitar tamén ao resto de clubs por subir cada ano máis o nivel do atletismo no noso país, sobre todo aos equipos do Lucus (que até o ano pasado estiveron acompañando aos nosos como filiais en cada xornada de liga) e ós do Santiago (que están a formar un grupo espectacular nas últimas tempadas).

Rapaces, reservade o fin de semana do 10 e 11 de xuño, que temos unha cita no tartán... para intentar emular aquel 12 de xuño de 2011 en Huesca. Bo traballo! [Circular]